Notas de Viaxe

Un espazo rin-ran para experiencias vividas durante as grandes e pequenas viaxes da vida

sexta-feira, janeiro 12

Soños oceánicos. Mira, Portugal.

Barra, Portugal (2003)

Buscabamos un lugar na costa de Aveiro, tranquilo e con camping, para pasar uns días na Semana Santa do 2003. Tiramos de mapa e puxemos o dedo en Mira, na porta da barra areosa que pecha a marisma polo sur. O camping só estaba separado do mar pola liña de dunas. O son das ondas e a brisa salgada parecían converter á tenda nunha chanela. O bo tempo non nos acompañou. Teño o costume, non sei se boa ou mala, de erguerme co día cando estou acampado. Aqueles días dispoñía, ademáis, dun telescopio prestado. así que ás 6:30 soía estar na praia, arrimado a unha caseta de madeira para escapar dos intermitentes chaparróns, coa Fuca (a miña cadela, entón un cachorro) ó lado, tentando identificar as aves mariñas que loitaban contra o vento.
Antes que min chegaban á praia outras persoaxes. Cada unha cun mínimo de dúas cañas e outros apeiros de pesca. Chuvasqueiro. Gorro. Guantes. Poñían o cebo no anzol, e facendo un xiro coa caña e uns pasos ó frente, lanzábano lonxe ó mar. Cravaban a caña na area e agardaban. O vento non os dobregaba e a choiva golpeaba contra os seus corpos imperturbables. De cando en cado tocaban o sedal, coma un vello instrumento do mundo, como unha conexión co lonxano fondo oceánico, coma unha mensaxe enviada por un vaso de iogurte. Ó lonxe, a borrasca avanzaba con forma de cabalo mouro sobre o mar. As aves mariñas desfilaban diante do meu telescopio. De pronto, unha cana dobraba na punta. Entón tomábana nas mans e con suave determinación desenvolvían esa loita silandeira co peixe. Esa loita asulagada. Até que o peixe saía ó ar.
Durante varios días percorrimos os arredores da ría, saboreamos a comida local e desfrutamos dun tempo de retiro do mundanal ruído, de mutua compaña e das evolucións na area do noso cachorro. Recollemos brillantes pedras pulidas nas interminables praias e fotografiamos as coloreadas casas de Barra. Pero aqueles momentos tempraneiros de cada mañá, entre aves e peixes, e chaparróns, cando o almorzo era aínda un futuro incerto, marcaron a miña pel con perdurables liñas de salitre e o meu sentir con profundos soños oceánicos.
Rabeirú.